Neste artigo vou tratar de explicar como traballar na tradución a galego, para que o traballo da xente que se inicia sexa o máis sinxelo posible.
Normativa e Coordinacion
Se queres contactar con alguén da comunidade e participar activamente na tradución ao galego. Consulta os manuais e a Guía de Tradutores ó Galego.
Que traducimos?
A web base de traballo para a tradución a galego é https://translate.wordpress.org/locale/gl/default/
Aquí traballamos sobre varios elementos a traducir:
- WordPress: o núcleo de WordPress.
- Meta: proxectos como wordcamp.org ou os foros.
- Apps: as aplicacións de WordPress para Android e iOS.
- Os plugins, ordenados polo seu uso.
- Os temas, ordenados polo seu uso.
Onde necesitamos máis axuda é na tradución de plugins e de temas, xa que somos moi poucos os integrantes activos do equipo de tradución.
Para traducir un plugin ou un tema temos dúas formas de facelo:
- Tradución na plataforma web.
- Tradución cunha ferramenta externa (Poedit, editor de texto como Visual Studio Code, Notepad++,…).
Tanto nun caso como noutro tes que acceder ao plugin ou ao tema que queres traducir no listado de temas:
Por exemplo, o plugin «All in One SEO Pack» está traducido a galego ao 61%, polo que é posible colaborar nesta tradución (posiblemente cando leas esta publicación este plugin xa estará traducido ao 100%). Tes que facer clic enriba da súa fila (non no nome). Este enlace lévate á tradución do propio plugin.
Aquí podes traballar en dúas zonas de tradución:
- O propio plugin.
- O readme, que é a explicación do plugin.
Primeiro tratamos de traducir o plugin e logo o readme.
Ten en conta que sempre tes que traballar no enlace que pon «trunk» e non en «release», porque as traducións de «trunk» cópianse automaticamente a «release», pero non ao revés.
Facendo clic en (1) cárgase a interface web da tradución do plugin.
As principais zonas son:
- Filtro avanzado.
- Filtro para cadenas non traducidas.
- Exportación de ficheiros para traducir en ferramentas externas.
- Importación de ficheiros traducidos con ferramentas externas.
Tradución na plataforma web
Facendo clic no enlace (2) da imaxe anterior cárgase o listado das cadeas pendentes de tradución.
Se fas dobre clic sobre a cadea a traducir (1), aparéceche a zona de tradución para esa cadea.
Nesa imaxe tes:
- A zona onde tes que introducir a tradución en galego da anterior cadea.
- O botón de gardado. A ti aparecerache como «Suggest» porque a túa tradución ten que ser aprobada por un editor.
- Traducións que aparecen noutras cadeas semellantes, para que che sirvan de axuda.
Cando teñas unhas cantas cadeas traducidas avisa na canle #tradutores-galego de «Slack WordPress España», pegando o enlace que che aparece no teu navegador cando fas clic no enlace «Waiting».
Un editor encargarase de revisar as traducións, de comentarche as correccións se houbera que facelas e de aprobalas se están ben.
Para iniciarte na tradución ao galego recomendámosche esta primeira forma de traducir. Se vas traducir cadeas de forma continua, probablemente a forma máis cómoda é a dunha ferramenta externa, que che explico no seguinte apartado.
Tradución cunha ferramenta externa
Unha vez que esteas familiarizado coa tradución de cadeas, o mellor que podes facer é usar unha ferramenta externa, como pode ser un programa pensado para a tradución de cadeas (Poedit) ou un editor de texto (Visual Studio Code, Notepad++,…).
O primeiro que tes que facer é descargar o ficheiro con extensión .po (Portable Object), un ficheiro de texto plano onde está toda a información para traducir.
Para descargar o ficheiro .po primeiro tes que asegurarte de que só vas descargar as cadeas que non estean traducidas: «Unstranslated»
A continuación, na parte inferior, tes que seleccionar:
- Tes que seleccionar só as cadeas que se corresponden co filtro anteriormente seleccionado («Untranslated»): «only matching the filter»
- Tes que seleccionar o formato .po.
- E, para descargar o ficheiro, tes que facer clic no enlace «Export».
Agora tes un ficheiro con formato .po.
Tes que traducilo co Poedit ou co editor de texto e logo subilo á plataforma web.
Para subir o ficheiro tes que facer clic no enlace «Import Translations»:
A continuación tes que facer clic no elemento «Seleccionar archivo» e logo no botón «Import».
Agora as cadeas quedarán subidas á plataforma e só terás que avisar na canle #tradutores-galego de «Slack WordPress España», pegando o enlace que che aparece no teu navegador cando fas clic no enlace «Waiting».
Un editor encargarase de revisar as traducións, de comentarche as correccións se houbera que facelas e de aprobalas se están ben.
1 pensamento en “Como colaborar co equipo de tradución a galego”